martes, 18 de enero de 2011

*Vértebra(me)*

Era unha vértebra, só unha vértebra máis o que facía das súas costas algo sublime, tan bello que semellaba irreal. Cando non estaba preto dela pensaba en acariciar as súas costas, infinitas, que sempre identificaba con esas autoestradas que cruzan a nada dos desertos americanos dos filmes de Wenders. Tan infinitas que non logras verlles a fin. E imaxinandoas, case logra voltar sentir a calor que desprendían. Só unha vértebra máis. Só unha vértebra máis configuraba a parte máis fermosa do seu fermoso corpo. E cando se entregaban en calquera leito frío, non podía deixar de observala: aloumiñarlle a espalda coa mirada, unha vez e outra vez; coas mans; coa lingua; cos beizos…Non sabe onde se agochan aquelas costas agora. Ignora quen as acaricia, quen as bica. Pero non pode esquecelas dende o día que lle foron dadas: apenas recorda o rostro, pero non logra esquecer aquelas costas partindo dende a porta.

No hay comentarios: