viernes, 21 de enero de 2011

*Just Us*

Ti regresaches e contigo regresou a decadencia; pero a decadencia no termo máis literario e artístico posible. A decadencia decimonónica. Era imposible que non trouxeses contigo a esencia pesimista que te compón e te define. E que á súa vez ma exalaras a min. Por iso, cando botamos a falar nas horas roubadas semellamos dous flaneurs do XIX que observan o mundo tomando café dende unha cafetería que, axeitadamente, responde ós criterios estéticos do dezanove. E sobre do mármore branco da mesa férrea intercambiamos todo iso que vemos para concluir, unha e outra vez, que non hai nada actualmente aquí que nos faga sorrir. Que calquera tempo pasado foi mellor: incluso un tempo marcial e lonxano e alleo. Deducimos o que pasa, o por qué se dan situacións tan vergoñentas nesta sociedade demacrada, hipócrita e consumida... E sempre rematamos obtendo a mesma resposta que intercambiamos fumando e tremendo por mor do frío, fóra do local. Semella que a nicotina expande a mente, e mesturada con follas secas, máis todavía. E tras todas as horas de conversas recuperadas dinme conta de que a felicidade vital que abatía o meu corpo toda esta temporada, non era real. Que me achego máis a ti, que a min mesma. Somos flaneurs, somos outsiders, e dylans, e calamaros e rimbauds baratos. Somos nós.

No hay comentarios: