jueves, 10 de noviembre de 2011

*Supernova*

Lémbraste da bolsa que voa fronte o muro en American Beauty? Os xiros como delicada bailarina acompañada de follas secas. E amarelas. A cámara estática. O branco vulgar... Pois eu só me lembro dos ladrillos que conforman a parede. Case, case, podo dicir cantos son. Estática e esquecida, como perdida entre a néboa e escoitando sen oír as notas do piano que como agullas perforan a miña cabeza baleira de contido, estática, esquecida. Recoñezoo. Foi aquela fotografía iluminada de Jeff Wall a que me lembrou a escena. Escena que á súa vez me recordou ós neóns sobre os que lera aquel domingo de outono entre as que eran as túas mantas. O único que deixaches en casa ó marchar. Bueno, iso e o telescopio que volvín desempoar a pasada semana. Agora tódalas noites miro ó ceo tentado ver supernovas. Xa sei, por certo, o que significa. O nacemento dunha estrela. De outra máis. Resulta que todo se expande, que esto se fai máis grande, cada vez máis rápido. O universo, me refiro. É no que penso mentras ollo a noite polo telescopio que esqueciches, tremendo por mor do frío de novembro. A túa camiseta vella do símbolo mod que usaba para durmir, xa non quenta nas noites de inverno. Non, cando abro a ventá para buscar supernovas. Sexa quizais por iso que nunca as atope.

No hay comentarios: