lunes, 8 de febrero de 2010

*Baleiro por Dentro*

Liar o tabaco de meu avó dende que tiña tres anos é un dos recordos máis vívidos que conservo; é curioso que a pesares de tratarse constantemente da mesma marca non logro recordar de cal se trataba pero probablemente unha americana porque sempre me sorprendía, dende que me ensinara a ler, o escrito da etiqueta que falaba sobre uns indios que cultivaban a planta e eu preguntábame se serían os mesmos, aqueles de plumas na cabeza que saían pola televisión nos westerns áridos os sábados polas tardes e que tanto facían desfrutar a meu avó (que por outra parte, era o único que vía por esa caixa escura mal sintonizada). "Os cigarros dos comunistas" repetía sempre cando eu adicaba todos os meus esforzos a facer un cilindro perfecto de tabaco nin moi solto nin moi prensado, cun acento que nunca logrei identificar (ata moito tempo despois).
O relato da guerra que el daba en denominar como "loita entre irmáns" era o leitmotiv de todo o proceso e co tempo todas esas historias íanse retendo na miña cabeza. Relatos breves que remataban cando eu remataba de liar e que remataron para sempre cando chegou ó episodio no que o último mes de contenda se levara con el (ó igual que á guerra) ó seu irmán que contaba tan só con nove meses menos de idade que meu avó. Cando o relato ficou, xa eu non só liaba para meu avó senón tamén para min. O meu abrigo de gorda lá arrecendía ó olor do fume que saía igual que dunha cheminea pola porta da miña aula na facultade e o meu maletín de coiro desgastado estaba cheo de tabaco esparcido entre miles de follas de apuntamentos en orde caótica posto que ía caendo da pequena bolsa mal cerrada que vendían no estanco. Meu avó tentara avisar a seu irmán; dicirlle en alto (un grito que quedou silenciado polo son apocalíptico dun campo de batalla) que estaba a piques de pisar unha bomba. Meu avó correu cara a el, pero as pernas fortes e curtidas non lograron chegar o suficientemente rápido. Só lograra alongar un brazo rozando coas xemas o desgarrado uniforme fraternal. Lémbrome que a veces mentras lle liaba o seu cigarro, dicíame que había días nos que parecía que sentía todavía a man dereita.

No hay comentarios: